Thursday 28 de March de 2024

San Sadurniño despediu as homenaxes a Rosalía con música, poesía e audiovisuais


 

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolleu na tarde deste sábado o acto de clausura do Mes de Rosalía, que tivo como actividade principal a exposición colaborativa “Aló no recuncho máis fermoso”. Nela participaron 270 persoas que encheron as paredes do consistorio con 90 obras de distintos formatos e estilos protagonizadas por lemas e imaxes relacionadas coa escritora. No peche da súa homenaxe léronse poemas, houbo música, proxectáronse tres audiovisuais e tamén se sorteou a lámina de Juanlu Nacha que encabezaba a exposición. Ademais entregáronselles os seus diplomas aos nenos e nenas que completaron o reto lector lanzado pola biblioteca a comezos do 2019.

Da parte musical encargáronse, dunha banda, a escola municipal de pandeireta e, da outra, o grupo de cantos de taberna impulsado pola área de Cultura a finais do ano pasado. Repasaron o cancioneiro tradicional galego e melodías sobre letras rosalianas que xa forman parte del. Ademais de actuaren en distintos momentos da tarde, ambos grupos uníronse ao final do acto para botarlle unha peza que xuntou no escenario un coro de 25 voces.

Entre a música houbo tempo para repasar algúns dos poemas máis destacados da escritora. Empezaron o grupo de nenas que acoden varias veces na semana á biblioteca para participar nas actividades de animación á lectura, case todas integrantes da Asociación Cultural Brío, que tamén participou na mostra colectiva cunha táboa de grande formato alusiva ás campás de Bastavales. Na homenaxe poética tamén se introduciron creacións propias do grupo de persoas adultas do club de lectura.

Durante o evento -que comezou pasadas as 19.00h. e rematou hora e cuarto despois- proxectáronse tres audiovisuais. O primeiro xusto ao comezo, titulado “Negra sombra”, do realizador Pablo Millán. Uns minutos despois toucoulles aos videopoemas gravados polo alumnado do curso de iniciación ao manexo do móbil impartido en Lamas. Colleron versos de Rosalía e ilustráronos con fotografías de distintos recunchos da parroquia. “Decides do matrimonio”, “Adiós ríos, adiós fontes” ou o “Miña casiña, meu lar” foron algunhas das poesías convertidas en curtametraxe coas voces dos homes e mulleres da parroquia, maiores en todos os casos de 60 anos.

A última das pezas proxectadas na Casa da Cultura foi o minidocumental “Aló no recuncho máis fermoso”, no que se mostra parte do proceso creativo da exposición do mesmo nome que aínda estará ata o martes na galería da Casa do Concello. Nel interveñen participantes no programa Espazos das familias, as nenas e nenos da EIM A Rolada, alumnado do CPI e outras persoas que contribuíron á colección de 90 obras. Alén de resumir o proxecto colaborativo, o documental tamén reflexiona sobre o grao de coñecemento do que representa Rosalía para a nosa cultura e mesmo aborda a problemática da perda de falantes entre a xente nova. A partir deste luns o audiovisual estará dispoñible na canle en youtube do Concello de San Sadurniño.

Entre todas as persoas que participaron na exposición sorteouse a lámina deseñada por Juanlu Nacha coa que se iniciou a colección temporal. O agraciado foi o centro ASPANEPS de Fene, quen contribuíu á mostra cun vistoso collage sobre a autora.